Programas de autor
Ciclo monográfico Estreas na Academia
Real Academia Galega de Belas Artes
14 de xaneiro, 11 de marzo, 8 de abril y 3 de xuño de 2025
O propósito destes concertos é dar a coñecer as obras escritas polo compositor Fernando Vázquez Arias nos últimos anos, interpretadas por músicos galegos, unha constante na traxectoria artística do autor.
O concerto do día 14 de xaneiro incluirá a presentación das seguintes obras: Sonata Brigantia, dedicada á cidade da Coruña, a segunda patria do autor; Tema con variacións para Ismael, ambas escritas para piano; Concerto Galaico e Almas Xemelgas, para fagote e piano.
O concerto do día 11 de marzo terá como protagonista a música escrita para quinteto de cordas e piano. Para esta ocasión inclúense: Suite Coruñesa, que consta de cinco movementos —Os Cantóns, Obelisco, Paseo polos Xardíns, A Mariña e O Parrote—; Balada das Estrelas, para violín, violoncello e piano; e Cantos e Rituais, para quinteto de cordas e piano.
O concerto do día 8 de abril será o máis variado deste ciclo, cun repertorio que explora a riqueza da música de cámara en distintas formacións instrumentais. O programa inclúe O Zoar do Vento, obra para quinteto de ventos; a Sonata Española, para trompeta e piano; e Camiño dos Faros, que consta de cinco pezas galegas escritas para soprano, violoncello e piano.
O día 3 de xuño pechará este ciclo de concertos. Inclúe o Concerto para violoncello e piano, dedicado á súa muller, Pepi Martínez Carmona, como agradecemento polo seu constante apoio e alento ao longo da súa vida artística e persoal; Costa da Caparica, tamén para violoncello e piano; Tres Caprichos Nostálxicos, para frauta soa; e a Fantasía, para clarinete e piano.